Monday 20 de May de 2024

Proposta para mellorar cinco camiños cargo ao Plan de Infraestururas no Medio Rural


O desenvolvemento da actuación beneficiaría a 537 veciños que habitan nos núcleos rurais

A xunta de goberno local acordou na súa reunión de onte propoñer á Consellería de Medio Rural o financiamento con cargo ao PEIM (Programa Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural) a pavimentación de cinco camiños localizados en Artes, Oleiros, Olveira e Carreira.

Concretamente, e segundo o proxecto redactado polos técnicos municipais, a actuación contempla a mellora do firme de camiños en Outeiro (un), Salmón (dous), Espiñeirido (un) e Laxes (un) que están situados respectivamente nas citadas parroquias.

A realización desta acción comportaría un investimento de 85.743 euros que estarían financiado co antedito programa autonómico dirixido á mellora das infraestruturas en zonas rurais. Del beneficiaríanse ata 537 veciños que habitan nos núcleos afectados, de acordo cos datos que figuran no padrón municipal. O prazo de execución das obras é de dous meses.

Falando das actuacións en si, o camiño situado en Outeiro (Artes) ten unha lonxitude de 175 metros e ten un acabado en zahorra. A intención é estender unha mestura bituminosa en quente para mellorar o tránsito.

En Salmón (Oleiros) localízanse dúas vías de 90 e 182 metros de longo. O primeiro ten un firme de terra natural con maleza, mentres que o segundo posúe un tramo central de triple pavimento asfáltico en mal estado e pavimento de terra natural con vexetación nas marxes. En ambos casos preténdese estender unha base de macadam e un triple tratamento asfáltico, ademais de desbrozalos e limpalos.

Polo que se refire ao camiño de Espiñeirido (Olveira), ten 120 metros de longo e presenta un firme de terra natural no que é moi difícil circular en épocas invernais. Aquí diferéncianse dúas actuacións: por unba banda a instalación dunha rede de pluviais (tubaxe de PVC corrugado) e por outra a súa pavimentación con formigón HM-20 combinado con adoquín de formigón.

Por último, o camiño de Laxes (Carreira) ten unha lonxitude de 400 metros e posúe un firme no tramo central de aglomerado asfáltico en bo estado (polo que non sería obxecto do proxecto) e un pavimento de terra natural con vexetación nas marxes. Ao igual que no suposto anterior, plantéxanse dúas accións: a instalación dunha rede de pluviais (tubaxe de PVC corrugado) e pavimentación das marxes a base de zahorra artificial e mestura bituminosa en quente.